Confeso que, infelizmente, antes do affaire do señor conde eu non sabía nada do Michel Teló. Por culpa do noso vitimismo autoinflixido, os indiehipsters estamos cada vez máis lonxe da (hiper)realidade. O vídeo viral do cantor paranaense é unha pequena xoia. Da sociolingüística, da xeopolítica e tamén da dermoerótica.
Non sei se foi no instituto ou xa na facultade onde aprendín que o Brasil era, grazas ás súas orixes migratorias, o país máis cromático do planeta. E as imaxes non deixan lugar para a dúbida: do negro farandol ao albino finlandés, o cabelo das meninas da balada é sempe lindissimo. Ai se eu as pego …!!!
Por primeira vez en séculos, a lusofonía desbanca á saxofonía nos charts do reino de España. Nantronte mesmo, dúas repoñedoras do gadis colocaban a mercancía ao ritmo pega-dizo do novo megahitxi tropicalista. E isto acontece nun territorio moi hostil a todas as cadencias sonoras foráneas (mesmo ás foráneas propias).
Con todo, o aspecto máis interesante do tema que nos ocupa é o relativo á semántica comparada. Bótenlle unha ollada á versión con lexendas:
Como poden comprobar, a letra está inzada de falsos amigos:
-Pegar non é o noso bater pero tampouco o coger arxentino; aínda así, a carga hormonal resulta obvia para calquera espectador minimamente atento. O condicional non fai senón reforzar a carácter apremiante do desexo: aiiiii!!! se te pego esta noite, te cojo hasta caermos muertos. O público asistente é plenamente consciente deste feito e así o manifesta sen pudor a través da linguaxe non verbal.
-En portugués da Galiza, delícia non funciona nunca como vocativo; e, dende logo, non ten nada que ver co choio erótico. En ambientes moi formais é posible que a xente recorra a lirismos tipo “me matas, preciosa” pero o máis habitual en língua coiné sería algo así como “joder, tía, cómo me pones!!”. As nosas delicias son case exclusivamente gastronómicas ou como moito, meteorolóxicas: “este sol en decembro é unha delicia”.
-Balada ten un significado cuase-antónimo na colónia. Un fica coa impresión que alá confunden a balada coa lambada. En todo caso, parece claro que en Sao Paulo, Álex Ubago non balaría.
-Das galeras non vou dicir nada porque lles teño unha fobia terríbel en ambas as súas dúas acepcións.
-Finalmente, digan o que digan, o tema comeza así: moça, moça, assim você me mata. Algúns tradutores escoitan un pronome da primeira persoa do plural que para maior desconcerto, faise equivaler ao noso segundo do singular. Una explicación reintegrata quiero. De calquera xeito, a miña versión cadra moito mellor co espírito folkpopeiro da tonada.
O caso é que o Brasil está na moda. Máis que de emerxencia, a súa economía é de erupción. Hai uns días, o país do carnaval ultrapassou aos fillos da grandísima Gran Bretaña na competitiva carreira polas medras. Para min, aquela unión de estados federativos segue a ser unha colorida favela inserida no medio dunha exhuberante floresta. E polo que me contan as miñas fontes e máis o google maps, os meus prexuizos non andan moi errados. Só que agora é tamén un paraíso para os profisionais emprendedores, sobre todo para os do alén miño. Seica alí todo está por facer e aquí, en cambio, o labor é basicamente de remodelación porque os materiais non resisten o paso do tempo. As casas vellas non dan máis que problemas. Por exemplo, Portugal continúa e estar moitísimo máis humanamente desenvolvido ca súa ex-provincia pero como alí os pobres non dan tanto a vara, os gobernos poden adicarlle todo o seu tempo a aqueles que verdadeiramente levantan un país: as clases mediocres. E os bos aires non veñen só do Rio de Janeiro senón tamén do Río de la Plata. E pensar que hai só 10 anos, a corriente era alterna (ou viceversa ou cómo se diga). Iso si, se vostede é empregado de mesa ou costureira de Zara, mellor déixese estar.
Eu ben sei que o turbocapitalismo é unha delícia (e unha ledicia) para a maior parte das xentes habiten éstas Groenlandia ou Samoa Occidental. E , por outra banda, non son ninguén para me entrometer en praceres alleos. Pero permítanme apenas un conselliño: por favor, teñan moito coidado aí fóra cos falsos amigos.