Imaxine a familia (ir)real, a Bono, a Rajoy, a Botín, a Esperanza Aguirre humildemente axeonllados mentres bican con devoción a man do máximo líder relixioso suní (que, a pesar do google, non consigo saber quén é, se cadra porque o islam e máis multicéfalo). Imaxine a televisión pública emitindo durante centos de horas todos e cada un dos actos litúrxicos do sumo pontífice musulmán. Imaxine un xigantesco esceario orientado cara á Meca (con minarete e todo) inundando a praza de Cibeles. Imaxine a omnipresente ocupación da superficie urbana da capital do reino polas fidelísimas hordas mahometanas. Imaxine El Mundo, El Corte Inglés, ACS financiando a performance debido as suculentas desgravacións fiscais regaladas polos poderes públicos. Imaxine que, durante os cinco días que dura a rave, os imáns e as adolescentes con burka poden usar os transportes públicos a un prezo tres veces inferior ao que teñen que pagar os católicos. Imaxine que as vías máis importantes da cidade se cortan ao tránsito para que o mestre de cerimonias se dea os seus máis que merecidos baños de multitudes. Imaxine un descampado poeirento onde centos de millóns de púberes coránicos agardan, deshidratados e durante case 24 horas, as sabias palabras do vetusto representante do profeta. Imaxine sermóns nos que as súas personalísimas fodendas son sistematicamente calificadas de perversións. Imaxine uns telexornais nos que as suras son presentadas como doutrina política. Imaxine que, nun ataque de radicalismo, vostede sae as rúas (ás poucas que non están okupadas polas múltiples manifestacións do evento) para protestar pola inconstitucionalidade desta sacralización sectaria dos espazos públicos. Imaxine que, entón, en lugar de recibir a comuñón recibe hostias de carne y hueso.
Pode imaxinalo? Non? Entón, ou vostede é un laico intolerante ou un islamófobo liberticida. Ou as dúas cousas ao mesmo tempo. Existe, porén, unha remota terceira posibilidade: que vostede acredite cegamente no carácter aconfesional do Estado.
Estes días lin por aí que estas operetas do Vaticano non son máis có canto do cisne; Moscú seguiu padecendo os multitudinarios desfiles militares mesmo cando cando os cascallos dos soviets caían sobre as cabezas dos asistentes.
Por razóns obvias, a miña cultura teolóxica é tan escasa que non me vou atrever a calificar as xornadas mundiais da mocidade de anticristiás; aínda que a idolatría, a mercantilización da fe ou a connivencia da xerarquía co poder establecido non semellen actitudes moi católicas. E así, en principio, puidera parecer que non hai nada máis fariseo que xustificar todo este circo en función dos supostos beneficios económicos para a economía madrileña.
Pero o que ninguén pode negar é o carácter senón laico, si manifestamente mundano da celebración tal como testemuñan as colas para comer no burguer king, os torsos espidos en cuatro vientos, os equipos de son megadecibélicos, os berros durante os discursos pastorais, as tonadillas guitarreiras nos parques, os confeti, os tops delas, as bermudas deles.
En definitiva, o que tivo lugar durante esta longa fin de semana foi unha delirante posta en escea do misterio da santísima trindade: o acampamento scout, o benicàssim meseteiro, o mitín tea party: tres acontecementos distintos para unha soa fe verdadeira.
Outubro 7, 2011 ás 7:26 am |
Back to future*:
Mire, boteille unhas risas coa súa chafallada posterior. Vale que á terceira historia fáltalle unha volta, pero eu anímollo a que a resucite.
*Sinto a indiscreción, pero ten que lembrar que o que escribe aquí non é seu, que de facto é de Google.