As bitácoras morreron hai uns meses. Mesmo as máis populares antano, esmorecen agora víctimas da inanición. Deixamos entón, atrás outra era. O período D.T. (despois de twitter) non se ha prolongar mái alá de 2.012. Seica a próxima revolución vai ser subterránea. O sinsentido é o que lle imprime sentido ás galaxias líquidas.
Finalmente, hoxe, o clan acabou de desentrañar unha coutada que posúe nunha das abas do monte alba. Unha coutada (ou tomada noutros lugares da nación) é un cacho de monte de titularidade privada. Son eses espazos infestados de silvas, silvos e xestas que circundan e se inmiscen nos territorios habitados. Simplemente os preparativos, merecerían por si sós, un episodio especial de callejeros viajeros; sobre todo se non se dispón do vehículo apropiado: o chimpín. Os utilitarios (agás, se cadra, os modelos XL) toleran mal os ancazos, as forquitas, as machetas e, sobre todo, as desbrozadoras. Calquera pode comprobar que, aínda abatendo completamente os asentos traseiros, só queda un lugar habitable para o disco de tres follas: o que separa o piloto do copiloto. Nesas circunstancias, baixar o freo de man e cambiar de marcha (sobre todo, a segunda e a cuarta) implica un risco de amputación que, estou seguro, Weber (Mark, non Max) non estaría disposto a correr.
Dende hai ben anos, un atallo percorre de norte a sur o noso minilatifundio. E así, para iren ao bar, á farmacia ou ao coller o vitrasa, os veciños aforran unha media milla. O estreito sendeiro non desaparece nin siquera na estación das chuvias cando a floración é máis intensa e a vexetación pode chegar a atinxir os 2 metros de altura. Os paseantes adoitan facernos agasallos: bolsas do lixo, cueiros, metálicos enferruxados, libretas, cabichas (si, colillas, si). Desta última volta e trala primeira xornada de traballo, alguén non puido evitar a tentación de depositar unha impresora de papel continuo e un televisor de 365 liñas debaixo dun carballo recén liberado das invasións bárbaras.
O problema é serio: a teimosía (sexa dolosa ou culposa) dos veciños vese amparada polo dereito de usufructo; pero, por outra banda (pola nosa), o terreo está perfectamente delimitado cos seus marcos de pedra, as súas escrituras e a súa liquidación do imposto de sucesións (falo de cando os ricos pagabamos impostos, claro está). Os meus avós paternos, coitados, partiron alí o lombo durante anos sen fío. En definitiva, que hai que ser moi parvo ou moi listo para no se decatar que aquilo forma parte do que calquera ser humano normal considera o máis sagrado: o patrimonio alleo. Pero si, no mundo hailles xente rarísima.
Esta mesma tarde mentres eu lle dou gas ao aparello, unha extraterreste cun blusón por enriba do xeonllo, chanclas e lentes de sol intenta traspasar os límites do politicamente correcto. Nos días previos, a estratexia das nosas mulleres consistira en acumular a maior superficie posible de detritus na entrada e na saída do corredor empregado polos nómadas. Así que a intrusa vese obrigada a subir a un pedrolo e ensaiar unha especie de spagat con chimpo. Unha vez recuperada, érguese con estilo, camiña con moita prudencia por entre os espiñentos restos da toxeira e aos poucos segundos e sen ter cruzado palabra con ningún dos presentes, penetra no portal do predio aghalponado colindante. Pola súa indumentaria e polo ruido das chapuzaduras, deducimos que aquela precariedade serve de paisaxe a unha poza con azulexos. Nun dos cantos, o muro de bloques aparece culminado por 3 fileiras de ladrillos que, xunto cuns piares de madeira, soportan un pequeno teito do que sospeitamos é un churrasqueiro. Por suposto, en ningún momento fomos consultados sobre esta flagrante alteración de elementos comúns.
Como poderán imaxinar, estamos indignados. Xa de volta na casa matriz, alguén fala de espichar un letreiro co lema Prohibido o paso. Propiedade privada pero deseguido, o propio promotor da idea se decata da ineficacia dunha medida tan laxa. O cerramento de arame tampouco resultaría especialmente disuasorio; en calquera chino venden alicates por 1 euro. Sen dúbida, a solución máis efectiva pasaría por unha desas modernas barreiras, ben sexa de ferro ou de formigón. O problema é que os gregos atoraron a billa do creto. Do que non cabe dúbida é de que a polémica se ha resolver perante as cámaras de Galicia Hoxe ou España Directo ou Europa en Liña; e nós no papel de roubacamiños, claro.
Por enriba, para un comunalista como é o caso, o dilema moral é aínda máis lacerante que a insolidariedade e a falta de respeto dos seus conxéneres. Vale, o que é meu é de todos sempre que eu me poida mergullar sen ter que pedir permiso na auga clorada da pileta de calquera camarada. Por iso, para ser verdadeiramente liberadora, a ideoloxía colectivista esixe unha renuncia unánime e de vez. Mentres tanto, cada un na súa casiña e Deus na de todos.