Esta casoupa flotante é dúas cousas ao mesmo tempo: unha sauna e unha cámara escura. Mentres se cocen, os usuarios poden contemplar a paisaxe circundante reflectida nas paredes do interior do receptáculo. Trátase dunha obra de arte móbil grazas á cal, os habitantes de Turku disfrutan, in situ, do espectáculo da creación, tanto da natural como da artificial.
Resumindo moito, podemos afirmar que a cidade finesa é unha especie de Ferrol high-tech (nalguhas zonas da área metropolitana o desemprego chega a atinxir os 16%). Dígoo porque estou seguro que, ao pertenceren a unha xeración sobreducada, vostedes non terán nin puta idea de xeopolítica escandinava. E tampouco saberán que Turku é, xunto á veciña Tallinn, a cidade europea da cultura do ano que actualmente estamos a padecer. Loxicamente, a cousa funciona viceversa: os estonios descoñecen que en 2.016 o tinglado se vai montar en Donosti. Como, por sorte ou por desgraza, España nos pilla un pouco lonxe, os trans-minhotos non teremos que esperar tanto: só unha hora e seis meses, máis ou menos.
Pero non perdamos o norte. Como poden comprobar vostedes mesmos, a programación turquesa zumega espírito ikea: funcionalidade eco-comprometida ao servizo do capital … social. Carreiras de carrilanas, xardinería, operetas populares, camiñadas astronómicas, fotografía tout court, homopornografía übermensch, regatas de traíñas, deseño con enxeño, arte na rúa, storytelling … e calor, moito calor.
Para que os electores dun determinado lugar poidan fagocitar a derradeira das vangardas, os seus representantes teñen que elaborar o típico proxecto contencioso-administrativo. E supoño que oubear ben alto en Bruxelas e Luxemburgo. O que está en xogo é aquilo polo que calquera empresario urbano devece: redimensionamento das infraestruturas aeroportuarias, estacións intermodais, museos de arte contemporánea, cartaces tridimensionais, pazos de exposicións, circunvalacións convexas, sonados auditorios e, por suposto, artistas de recoñecido prestixio internacional. Barcelona iniciou o camiño hai ben anos e agora, grazas a financiarización das finanzas públicas, mesmo un páramo siderúrxico poder converterse nunha TM.
En definitiva, o mercado da cultura como unha manifestación máis da cultura de mercado. E o consumo da cultura como variante da cultura de consumo.
Porque os cultivos plántanse para sacarlles algún proveito material.
