O corazón das tebras

By cossimo

Dilawar, un desertor do arado, vive en Yakubi, unha aldea algures nas montañas de Afganistán. O día 1 de decembro de 2002 recolle no seu taxi 3 persoas que volven da capital de provincia. A metade de camiño, os 4 ocupantes son secuestrados polas tropas norteamericanas. Dilawar é enviado á prisión de Bagram. Cinco días despois da súa chegada, morre na súa cela a causa das torturas inflixidas polos cazaterroristas.

Taxi to the dark side ten un 100% de valoracións positivas no Rotten Tomatoes. Agora entendo por qué. Detrás dunha supostamente aceda denuncia non hai máis ca unha proclama nacionalista (subtil mais tremendamente efectiva). Bush, Cheney e Rumsfeld son fundamentalmente traidores. Porque violaron as normas establecidas polos pais fundadores. Si, América debe loitar contra os rapaces malos pero con sentidiño. Nada de afogamentos, terapias eléctricas ou privación de sono. Nada de malleiras. O verdadeiro “american way of asking” é unha cousa humanista, parecida ao diván do psicanalista. Nunha das esceas máis hilarantes de todo o documental, Jack Cloonan, un axente do FBI experto en contra-terrorismo, explícanolo dun xeito moi convincente: 

Se queres chegar a entenderte ben con alguén, debes ser a súa salvación [a do malo] xa que a súa vida tal como a coñece, rematou. “Podo facer algunha cousa polos teus fillos? Estás preocupado por eles? Queres que teñan unha boa educación? Eu dareilles a súa educación. Qué queres? Dime o qué queres. Cóntame cómo pensas saír disto, como te vas librar desta situación tan terríbel na que quedaches tan só? Non podes voltar a casa, non si? Deixa que che axude a darlle unha estratexia a túa vida”. É así como funcionan as cousas.

Sinxelo e hixiénico.

As palabras do pai do director ( el tamén un ex-interrogador; o pai, non o director) ocupan a secuencia final:

Paréceme totalmente inconcibíbel que as maiores autoridades non só aceiten a tortura senón que avogen por ela. A verdade é que iso destruiu a miña fe nos USA. Porque durante a Segunda Guerra Mundial e durante a de Corea tiñamos a sensación de estar no lado dos rapaces bos, que sempre se facía xustiza nos USA e as persoas recibían un bo trato e imperaba a lei. Non esquecemos que por detrás da fachada do odio e da guerra había un estado de dereito que as persoas respeitaban. Era unha cousa na que acreditabamos e que facía os USA diferentes.

Evidentemente, o vello non oiu falar do napalm nin de Hiroshima.

Con todo, a pesar de que en ningún momento se cuestiona o papel de América como xendarme da orde global, Taxi to the dark side paga a pena en algún sentido. As declaracións dos gardas responsábeis da morte de Dilawar, por exemplo. Os tipos (provenientes das minorías na súa grande maioría) son presentados como víctimas, como chivos expiatorios. O único que fixeron foi respectar a cadea de mando. A estes humanoides lobotomizados non lles pagan por ensinar ética. Páganlles por defender a liberdade. E se para iso hai que partirlle a cabeza a un fillo de puta, párteselle e xa está.

E logo están as mulleres. A oficial responsábel dos interrogatorios en Bagram era a capitana Carolyn Wood, traballiño grazas ao cal foi galardoada coa Estrela de Bronce ao valor. Trala invasión de Irak, fíxose cargo de Abu Ghraib onde outra muller, Lyndie England, se faría famosa polas súas espectaculares técnicas de bondage. O cal demostra que o feminismo ten pouco que ver cos xenitais e moito co discurso.

Finalmente, temos o dato. Sabían que nesa infame cadea bagdadí os soldados americanos asasinaron a case 100 persoas?

E que conste que quen di América, di Israel (ou quen sexa).

“After all, what are we all after? Just a little fun.” (tirado daquí).

(tirado daquí).

Deixa un comentario